lunes, 7 de mayo de 2018

O REXURDIMENTO

O PRERREXURDIMENTO (SÉCULO XIX)
Período que vai de 1808 a 1863 (dende a invasión das tropas napoleónicas ata a publicación da

primeira obra integramente en galego, Cantares gallegos de Rosalía de Castro).
Nas primeiras décadas do século XIX escribíronse textos en prosa de carácter propagandístico.
Tamén hai textos de literatura de circunstancias: a obra de teatro A casamenteira (1842) de Antonio Benito Fandiño (matrimonios de conveniencia) e dous poemas amorosos de Nicomedes Pastor Díaz (“Belmiro e Benigno” e “Alborada”).


OS PRECURSORES

1853: Galicia quedou dividida nas castro provincias actuais = Provincialismo (reivindica a Galicia

como única provincia).

Na literatura, aparecen os precursores = escritores comprometidos coa defensa do galego e coa recuperación da cultura galega.

Xoán Manuel Pintos (1811 – 1878): A gaita gallega (1853), primeiro libro da literatura galega contemporánea, aínda que algunhas das súas páxinas están en castelán e en latín.

Francisco Añón (1812 – 1878): Prolífico poeta. Escribiu poemas de carácter costumista e reivindicativo, como o himno patriótico “A Galicia”.

Certame poético en 1861, Xogos Florais de Galicia, no que participan Rosalía e Pondal (Álbum de la Caridad), primeira escolma da poesía galega contemporánea. 

O REXURDIMENTO
Movemento cultural, social e literario que se desenvolve do 1863 (Cantares gallegos) a 1916 (Irmandades da Fala). O seu obxectivo é o de dignificar a identidade galega (poder político e administrativo propio e recuperar o idioma galego).
Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez son os principais autores deste movemento.

CONTEXTO SOCIO-HISTÓRICO 
Galicia sofre dúas lacras:
-A implantación do poder central nas redes caciquís para impoñer os seus intereses -Perpetuación do sistema foral que regulaba a propiedade da terra

Isto provoca o empobrecemento das clases populares = emigración

A burguesía de orixe foránea (catalá) crea as primeiras industrias e fábricas de salgadura. 3.A 

SITUACIÓN DA CULTURA E DA LINGUA

A mediados do século XIX apareceron as primeiras publicacións periódicas en galego. Hai que esperar ata os anos 70 para ver xornais e revistas monolingües en galego (O Tío Marcos da Portela, A Monteira).
Publicacións de Historia de Galicia (Benito Vicetto) e Historia de Galicia (Manuel Murguía). Primeiras gramáticas en galego (Saco e Arce), primeiros dicionarios (Marcial Valladares), primeiras editoriais galegas na Coruña (Librería Gallega, de Uxío Carré; Biblioteca Gallega, de Martínez Salazar).


O NOVO PENSAMENTO: O GALEGUISMO
1840: xorde o galeguismo (movemento político, social e cultural que pretende recuperar a identidade galega e atribuírlle poder político. Fases:
-Provincialismo (1840-1868): a partir de 1833, Galicia queda dividida en catro provincias fronte ás sete do Antigo Reino de Galicia. Isto provoca unha insurrección militar en 1846 e o nacemento do Provincialismo (reivindica a Galicia como provincia única administrativa, social, cultural e económica).
-Rexionalismo (1869-1881): parello ao catalán e vasco. Bebe de fontes románticas e liberais. Dúas liñas, a liberal (Manuel Murguía, El regionalismo gallego) e a tradicionalista (Alfredo Brañas, El regionalismo).
-Nacionalismo: nace en 1916 (Irmandades da Fala). Galicia = nación con dereitos políticos. Conseguen a aprobación do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, 20 días antes do golpe de estado de Franco e o comezo da Guerra Civil (1936-1939). 

A PARTIR DO MIN. 16

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/capitulo-13-nacion-de-breogan



ROSALÍA DE CASTRO
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/rosalia-de-castro-letras-galegas-1963

1.Aspectos biográficos
Naceu en Santiago, en 1837. A infancia pasouna en Padrón. Marchou logo a Santiago onde entra en contacto cunha mocidade inqueda: Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal etc. En 1853 pasa unha tempada en Muxía, invitada pola familia de Pondal. A experiencia serviralle para ambientar a súa primeira novela, La hija del mar, e para compor o poema “A romaría da Barca”, publicado no Álbum de la Caridad (1862).
Marcha en 1856 a Madrid. Alí coñece a Manuel Murguía con quen casa en 1858. Un ano antes publica o seu primeiro libro de poemas, La Flor. En 1861 publica o seu primeiro poema en galego, “Adió, ríos, adiós, fontes”. En 1862 edita o poema A mi madre. Un ano despois aparece o primeiro libro integramente escrito en galego da historia: Cantares gallegos.
Por motivos de traballo e penurias económicas, o matrimonio e os seus sete fillos veranse obrigados a cambiar frecuentemente de localidade de residencia (Santiago, Madrid, Lugo, Simancas...) ata que pasan os últimos ano na casa da Matanza (Padrón).
En 1880 publica a súa derradeira novela en castelán e o seu derradeiro libro en galego: El primer loco e Follas novas, respectivamente. O poemario En las orillas del Sar, sae do prelo en 1884.
Morre en Padrón en xullo de 1885, nunha situación de extrema pobreza, marxinada por case toda a intelectualidade da época.

2.A singularidade da figura de Rosalía
Era unha muller culta, con criterios propios e contestaria, consciente do que facía cando rompía a mantenta os moldes literarios, idiomáticos, ideolóxicos e temáticos dominantes. Foi precursora do feminismo, anticapitalismo, nacionalismo progresista etc.
Rosalía é unha figura singular no contexto literario da súa época por tres aspectos: participa na posta en marcha dun sistema literario galego autónomo usando unha lingua marxinada, rompe todas as barreiras temáticas e cultiva non só poesía, senón tamén, abundantemente, a prosa.
Teceuse sobre ela unha imaxe distorsionada e mistificada. Presentouse como unha santiña ou unha chorona. Tivo enormes dificultades para publicar (Follas novas publícase en 1880 grazas á axuda dos emigrantes galegos en Cuba) e recibiu en vida ataque durísimos.
Unha das maiores inexactitudes é a de considerala unha escritora romántica. Téñense dado os seguintes argumentos para rexeitar ese rótulo caracterizador:
a)Na súa obra non hai nunca unha actitude escapista, senón máis ben identificación coa realidade.
b)Destaca na súa escrita a denuncia social e a sensibilidade para os distintos problemas da xente (mulleres campesiñas). Ten unha actitude solidaria e crítica coa sociedade.
page1image23088
c)O ton de sinceridade dos seus versos está moi lonxe do finximento de moitas poesías románticas.
d)Temas como a morte, o suicidio, o desengano amoroso etc. son abordados por Rosalía cunha perspectiva máis grave e seria que a dos románticos.

3.O compromiso social
A súa obra ten un forte compoñente social. O compromiso de Rosalía como escritora plásmase nestes aspectos:
a)A defensa da cultura e do idioma galegos, da nosa maneira de ser presentándoas como dignas e naturais.
b)A defensa de valores sociais e morais do pobo galego.

c)A identificación cos problemas das clases populares galegas.
d)A denuncia das inxustizas, insultor e abusos cometidos con Galiza e cos galegos (emigración). e)A reivindicación dos dereitos da muller, comezando polo propio dereito a escribir.

4.O feminismo

Na segunda metade do século XIX xorde o debate entre os que defenden o dereito da muller a ocupar un novo e máis xusto posto na sociedade, en igualdade de dereitos có home, e os dicían que debía continuar recluída no ámbito doméstico, sen acceso á cultura nin á educación, ocupada só no coidado da familia. O posicionamento feminista de Rosalía está presente en toda a súa obra (“Lieders”, La hija del mar, Flavio, “Las literatas. Carta a Eduarda”).

5.Obra literaria


5.1.Obra en galego:  CANTARES GALLEGOS (1863)

A publicación de Cantares gallegos 17 de maio de 1863 constituíu un fito na historia de Galicia. Inaugura a literatura galega contemporánea. Cen anos despois instaurouse esa data como o Día das Letras Galegas.
Cantares gallegos é o primeiro libro publicado integramente en galego. Dedicado á escritora Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber). Consta dun total de 36 poemas, todos eles vinculados a unha cantiga popular que Rosalía reproduce e glosa. Neles, unha voz poética (unha rapaza) desenvolve un cantar popular (glosa) que aparece ao comezo ou ao final de cada poema.
CG ten unha estrutura circular. No primeiro poema faise unha presentación dunha voz feminina á que autora lle pide que cante en lingua galega. No último poema esta voz escúsase por ter cantado con pouca graza a moita fermosura de Galicia.

Os 36 poemas van precedidos por un prólogo en galego. Nel, a autora pide desculpas polos posibles defectos do seu libro e explica as razóns da súa decisión de cantar en galego as belezas e costumes do país. Ten un triplo obxectivo:
a)reivindicar a validez do noso idioma “para todo tipo de versificación” 
b)denunciar o maltrato e a marxinación que padecen Galicia e os seus habitantes 
c)combater a negativa imaxe de Galicia nesa época

Uso da creatividade do pobo con finalidade culta (os cantares) e a identificación cos problemas que este sofre, xunto cun uso consciente da lingua galega, confírelle a este libro un evidente carácter reivindicativo.

Temáticas:
-Costumista: recrean estampas cotiás da vida labrega e crenzas relixiosas dominadas
pola superstición e a resignación. Ton desenfadado co que busca dignificar a maneira de vivir da xente do rural.
-Amorosa: expoñen dende o punto de vista popular conflitos acontecidos entre namorados.
-Intimista: emerxe a visión pesimista do amor, a dor ou a saudade da propia Rosalía.

-Social: poemas de defensa da xustiza social onde se denuncia a emigración, o caciquismo ou a miseria dos labregos. 

FOLLAS NOVAS (1880)


Libro publicado na Habana en 1880, aínda que estaba escrito moitos anos antes. No prólogo aclara que vai ser unha obra diferente á anterior, que se afasta do ton vitalista de CG para centrarse nun sentimento pesimista da vida, o que non lle impide mostrar os problemas do pobo.
FN está estruturado en cinco partes e dúas grandes temáticas 

A obra consta dun prólogo en prosa e 137 poemas, clasificados en cinco apartados ou “libros”:
“Vaguedás”, “¡Do íntimo!”, “Varia”, “Da terra” e “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”.
Trátase dunha obra máis persoal e filosófica que CG, aínda que hai algúns poemas que poden continuar a liña do primeiro. A autora destaca no “Prólogo” que o novo libro non era fillo da mesma inspiración que dar de si CG (CG = xuventude e esperanza ; FN = escepticismo e pesimismo).
Tendo en conta a perspectiva do suxeito poético, podemos clasificar os cinco “libros” en dous grandes apartados:
a)A lírica solitaria ou subxectiva. Poemas incluídos en “Vaguedás” e “¡Do íntimo!”. No primeiro (20 poemas) reflexiona sobre a escrita feminina e sobre os trazos e contidos da súa propia obra. Manifesta o seu estado anímico (desasosego, pesimismo, saudade...). No segundo (36 poemas), hai reflexións metafísicas, filosóficas e intimistas sobre a insolidariedade humana, o paso do tempo, a perda das ilusións...Consíderase a Rosalía como precursora das correntes filosóficas existencialistas.
b)A lírica solidaria ou obxectiva. Poemas das partes “Da Terra” e “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”. No primeiro (9 poemas), Rosalía deixa clara a súa identificación co pobo galego. Ás veces, recorda o estilo de CG. No segundo (31 poemas), céntrase no fenómeno da emigración e nas causas que o provocan. Admiración polas mulleres campesiñas galegas do seu tempo.
Como “libro “ ponte está “Varia” (40 poemas), onde Rosalía expón a realidade múltiple e complexa que rodea o “eu” que falou nos apartados anteriores. A obra expresa unha viaxe do “eu” ao “nós”, da individualidade á colectividade, do intimismo e subxectivismo á identificación co pobo e a unha maior obxectividade.
FN demostrou a capacidade do idioma galego para abordar e expresar todo tipo de temas, sentimentos e inquietudes existenciais (de aí a acollida menos entusiasta que a de CG).

5.2.Obra en español

-La flor -”Lieders” -La hija del mar -”Las literatas. Carta a Eduarda” e “El cadiceño”

loco -El caballero de las botas azules
-En las orillas del Sar


6.Principais trazos lingüísticos e estilísticos
-A mi madre -Flavio -Ruínas -El primer -”Padrón y las inundaciones”
Emprega o galego falado polo pobo na comarca de Santiago-Padrón (galego espontáneo e coloquial, sintaxe sinxela e léxico con castelanismos). Representa o seseo e usa numerosos vulgarismo léxicos. Ela mesma di que escribe un galego sen gramática.
Os recursos estilísticos son de inspiración popular: repeticións, paralelismos, rimas asonantes, estruturas comparativas e anáforas.
Na métrica de CG abundan as formas de arte menor (procedencia popular = romance ou muiñeira; procedencia culta = décima, oitava real). En FN, hai unha revolución e Rosalía opta por versos de arte maior e novas combinacións.


CURROS ENRÍQUEZ

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/manuel-curros-enriquez-letras-galegas-1967



1.-BIOGRAFÍA
Naceu en Celanova (Ourense) en 1851. Con 15 anos marchou da casa paterna para ir vivir a Madrid. Alí participou en ambientes intelectuais, ao tempo que viviu a revolución de 1868. Defendeu apaixonadamente a república como forma de goberno e o federalismo como modelo de organización do Estado. A súa profesión foi a de xornalista.
En 1877 participa no concurso literario da cidade de Ourense coas composicións “A Virxe do Cristal”, “Unha voda en Einibó” e “O gueiteiro” (primeiro premio e estrea como poeta en galego).
Volve a Ourense e en 1880 (Follas novas, de Rosalía de Castro), publica Aires da miña terra, obra polémica co bispado de Ourense que fixo que fose xulgado (e absolto) por presuntos ataques á relixión católica (anticlericalismo = O divino sainete, 1888).
En 1895 emigra a Cuba. Regresa á Coruña en 1904 para recibir unha homenaxe. De novo en Cuba, foi un dos impulsores da creación da Real Academia Galega.
Faleceu na Habana en 1908 e os seus restos foron repatriados ese mesmo ano e enterrados na Coruña.

2.-OBRA

-Aires da miña terra (1880), poemas de temática social, aínda que tamén hai outros de temática costumista e intimista.

-O divino sainete (1888), poema narrativo de carácter satírico
AIRES DA MIÑA TERRA (Liñas temáticas)
-Liña cívica ou social: Curros dicía que a literatura tiña que ter a función social de compromiso co pobo galego, coa democracia e coas ideas progresistas. Denuncia a inxustizas e opresión cara aos máis débiles (labregos) e critica os caciques e fidalgos. Poemas de ton anticlerical. A súa poesía ten continuación no século XX con poetas como Ramón Cabanillas e Celso Emilio Ferreiro.

-Liña costumista: estética costumista propia do seu tempo e da poesía popular. Recrea lendas,
tradicións e tipos populares. Carácter reivindicativo.
-Liña intimista: en poucos poemas expresa os seus sentimentos. Son aqueles en que mostra a alegría polo nacemento dun fillo ou a dor pola morte da nai, ou mesmo pola morte de Rosalía de Castro.

O DIVINO SAINETE
Longo poema narrativo de carácter burlesco que parodia a Divina Comedia de Dante Alighieri. Está protagonizado polo propio Curros que, en compaña de Francisco Añón, realiza unha viaxe a Roma para gañar o xubileu. Añón será o guía de Curros no percorrido polos sete vagóns dun tren, que representan os sete pecados capitais: preguiza, envexa, gula, ira, luxuria, avaricia e soberbia. En cada vagón encontran personaxes cos que Curros mantivera algunha polémica ao longo da súa vida. Unha vez en Roma, visita ao papa León XIII e aconséllalle que a Igrexa abandone a súa riqueza e volva á vida sinxela.
A obra é unha caricatura da sociedade daquel tempo. Fai unha crítica feroz a todos os estamentos sociais, centrándose nos poderosos, nos seus inimigos e na Igrexa católica (anticlericalismo).

3.-LINGUA E ESTILO
Para Curros, a poesía é un medio de compromiso cívico cos máis débiles, por iso emprega un galego popular da zona de Celanova (pero coida o léxico, a sintaxe e procura evitar os castelanismos) para que o seu público o entenda. Nos poemas sociais predomina a ironía, as comparacións e metáforas. Nos costumistas, emprega paralelismos, repeticións e anáforas.

EDUARDO PONDAL

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/eduardo-gonzalez-pondal-e-abente

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/himno-galego

1.-BIOGRAFÍA
Nace en Ponteceso (A Coruña) en 1835 no seo dunha familia de orixe fidalga. Estudou os clásicos

gregos e latinos e fixo Medicina en Santiago de Compostela. Con Aurelio Aguirre, foi promotor do Banquete de Conxo, acto que uniu o 2 de marzo de 1856 a obreiros e estudantes.
Participaba no faladoiro chamado “A Cova Céltica”, que se desenvolvía na libraría Carré con Manuel Murguía, Martínez Salazar e Manuel Lugrís Freire, entre outros. Alí asume o papel de bardo.
En 1890 baixo a petición do músico Pascual Veiga, Pondal escribe o poema “Os Pinos”. En 1907 esta peza musicada por Veiga será estreada na Habana e considerada dende aquela himno de Galicia.
Morreu nun hotel da Coruña en 1917 e foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro.

2.-OBRA
En 1861 publica o seu primeiro poema en galego (“A campana de Anllóns”) que aparecera no Álbum de la Caridad, onde se recolleran os poemas participantes nos primeiros Xogos Florais de Galicia.
En 1877 publica Rumores de los pinos (poemas en galego e castelán). A partir del publica Queixumes dos pinos totalmente en galego, en 1886.
En 1992 publicouse postumamente a súa obra Os Eoas, na que estivo traballando toda a vida e que nunca viu publicada.
Queixumes dos pinos (1886)
Poesía
Poemas épicos e líricos
Os Eoas (1992)
Poesía
Poema épico narrativo longo

3.-QUEIXUMES DOS PINOS
Obra composta por poemas de carácter épico e lírico na que destacan os seguintes elementos:


- O celtismo

Pondal defende a orixe celta de Galicia e propón construír coa súa obra unha épica céltica para o pobo galego. Toma a toponimia da Costa da Morte para nomear antigos guerreiros galegos, heroes dun pasado mítico, cuxas fazañas históricas han servir como exemplo de valor cara a un soñado futuro glorioso.

É importante a figura do bardo como encargado de preservar a memoria da tribo ao tempo que exerce de guía do pobo.
Pondal presenta unha situación na que existe un pasado heroico do pobo galego libre, un presente de opresión e escravitude e un futuro, no que o pobo con valor, guiado polo bardo, conseguirá o triunfo da liberdade.



- A natureza
Vía no panteísmo do pobo galego a principal herdanza dos celtas. Os elementos da natureza cobran maior protagonismo: a terra como espazo que comunica co pasado e co futuro; as árbores, como guerreiros chantados na terra e á vez movidos polo vento; a propia paisaxe, que lle serve para expresar sentimentos como o paso do tempo, a soidade, a paixón amorosa, entre outros.


- A virilidade

A súa obra está presidida por unha épica militar que enxalza o forte e o enérxico, identificado co home, fronte ao débil e feble, personificado na muller.



4.-OS EOAS

Traballou ao longo da súa vida nesta obra, mais o seu perfeccionismos fixo que non fose publicada en vida do poeta (1992).
É un canto épico ao descubrimento de América inspirado en Os Lusíadas de Luís de Camões.



5.-LINGUA E ESTILO

Emprega unha linguaxe moi coidada, estilizada, que refuga da lingua coloquial. Usa moito os


cultismo polo seu amplo coñecemento das linguas clásicas (grego e latín).

Recorre aos símbolos e á adxectivación retórica. Moi preocupado por dignificar a lingua galega. 

LENDA DE BREOGÁN

COMENTARIO TEXTO


COMENTARIO POÉTICO
1.-Lectura do poema: debes ler o poema as veces que sexan necesarias para entendelo plenamente.
2.-Introdución: achegamento ao poema e ao seu contexto. Debes comprobar de que libro procede, así como cando e onde se publicou. Isto axudarache a situalo dentro do conxunto da obra do autor ou autora, así como no contexto da corrente literaria e da época.
3.-Análise da voz poética: fíxate nos pronomes, verbos... Están en 1a persoa ou en 3a?
4.-Achegamento ao contido do poema:
a.-de que trata? Resumo do asunto do poema.
b.-cal é, en consecuencia a temática do poema? (ten en conta o léxico) c.-tempo, espazo e personaxes
5.-Estrutura: poderías dividir o poema en partes tendo en conta o contido? Explica o contido de cada parte e xustifica (explica) a división que fas. Sinala os versos que comprenden cada parte.
6.-Forma do poema: comentario da forma estrófica. Explica de que tipo de estrofa se trata, que tipo de versos a forman e cal é a rima. Logo continúa cos recursos formais (aliteracións, anáforas, comparacións...)
7.-Síntese final e opinión persoal: sintetizar o máis interesante e achegar a opinión persoal (sempre convenientemente explicada).


1.-Pra Habana
V
Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van. 

Galicia, sin homes quedas 
que te poidan traballar.
5 Tes, en cambio, orfos e orfas 
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos 
e fillos que non ten país
E tes corazóns que sufren
10 longas ausencias mortás, 
viudas de vivos e de mortos
que ninguén consolará.
Rosalía de Castro, Follas novas


2.-Esta composición é a parte V do primeiro poema do Libro V (“Viudas dos vivos e viudas dos mortos”) de Follas Novas, o segundo libro de Rosalía de Castro que se publica en 1880 e un dos máis importantes que se publica durante o Rexurdimento.

3.-A voz poética parece establecer un diálogo no que se dirixe a Galicia “sin homes quedas” (3) “tes” (5, 9).

4.-O tema central é a desolación de Galiza polo abandono dos seus habitantes (“Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar”, versos 3-4). Trátase o tema desde a perspectiva dos que quedan, non dos que marchan e neste anaco non se fai referencia a que a razón deste abandono é a emigración, pero si no resto do poema e é ademais un dos temas máis importantes de Follas Novas.

5-Segundo isto, podemos dividir o poema en dúas partes. A primeira, do verso 1 ao 4, onde se falan dos que se van. A segunda, do verso 5 ata o final, na que se dá a visión dos que quedan aquí.

6.-No que respecta á forma do poema, debemos destacar que os principais elementos a comentar están relacionados coa métrica. Verso octosílabo, un verso popular, pero que tamén se cultivou na poesía culta (Romanticismo). Rima asonante alterna só nos versos pares. Esta é a rima que domina
na obra, que destaca pola súa forma poética novidosa, xa que a autora usa a forma do xeito que cre máis axeitado para o que quere expresar.
No que respecta á sintaxe, hai un hipérbato no verso 3 (“Galicia, sin homes quedas”) coa finalidade de destacar o substantivo “homes” que se antepón ao verbo.
Temos a repetición dunha ou varias palabras en contacto no verso 1 (“Este vaise i aquel vaise,”) e no 2 (“e todos, todos se van”). Tamén se dá a anáfora (repetición dunha ou máis palabras ao comezo de varios versos sucesivos) e polisíndeto nos versos 2, 6, 7, 8 e 9 (“e todos, todos se van; e campos de soledad / e nais que non teñen fillos / e fillos que non ten pais. E tes corazóns que sufren”).
Hai unha acumulacións de palabras que se dá na enumeración dos que se van (“Este vaise i aquel vaise, / e todos, todos se van”) e dos que quedan (“Tes, en cambio, orfos e orfas / e campos de soledad, / e nais que non teñen fillos / e fillos que non ten pais. / E tes corazóns que sufren / longas ausencias mortás, / viudas de vivos e de mortos”). É un fenómeno intensificador da idea central.
No que respecta ao léxico, vemos que emprega un léxico popular e usual. Hai unha serie de fenómenos semánticos que recalcan a idea principal de soidade como son a hipérbole “sin homes quedas”, a metáfora “campos de soledad” ou o paradoxo “nais que non teñen fillos / e fillos que non ten pais; viudas de vivos e de mortos”.

7.-Podemos concluír, que este poema de Rosalía de Castro trata unha temática propia da poesía social (a emigración). Nel denuncia o drama que viven as persoas que pasan por esa situación e faino utilizando un léxico e uns versos propios da poesía popular, igual que fai outro gran poeta do Rexurdimento como é Manuel Curros Enríquez. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario