María Victoria Moreno non naceu en Galicia nin tivo o galego como lingua materna. Pero viaxou cara a Galicia e cara ao galego, habitouno e convidou á súa viaxe a incontables mozas e mozos. A Real Academia Galega decidiu este sábado que o nome da autora da inesquecibleAnagnórise se una á reducidísima lista de mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, ata agora só conformada por Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), e María Mariño (2007).
A escritora á que se lle dedicará o 17 de maio do 2018 chegou a Galicia moi nova, con menos de 30 anos. Non viña da súa Extremadura natal, porque xa pasara por Barcelona e mais por Madrid, onde estudou Filoloxía Románica. A principios dos escuros anos 60 comezou a dar clase en Pontevedra, a que tras breves estadías en Lugo e Vilalonga tornaría na súa cidade e onde o seu nome ficaría ligado para sempre á historia de dous centros educativos, os institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, ao que cedeu a súa enorme biblioteca persoal.
A autora optou por Galicia e a súa lingua. Elixiunas. E mantivo con elas "unha historia de amor", afirmaba
María Victoria Moreno foi alumna de galego e ensinante, despois, mesmo cando o ensino da lingua propia de Galicia aínda estaba fóra da lei. Fíxoo, por exemplo, na Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, en Vilagarcía ou no Ateneo de Ourense. Nos últimos meses do franquismo, lembra a Academia, a Policía chegou a retirarlle o pasaporte por colaborar coa "subversiva" institución ourensá. Pero o seu co galego era "simplemente, unha historia de amor", declarou en 1993. Optou por Galicia e a súa lingua. Elixiunas.
O seu traballo literario foi tamén esencial para entrar en contacto co idioma para varias xeracións de estudantes do país. Anagnórise (1988) é a referencia masiva cunha vintena de edicións, pero xunto a ela están Leonardo e os fontaneiros(1985), a súa preferida, ou Guedellas de seda e liño(1999). A autora contactou coa infancia e a mocidade dende a ficción, pero tamén dende os libros de texto. Foi coautora dalgúns dos primeiros manuais de literatura galega para BUP e COU, ademais de formar profesorado nesa mesma materia.
Alén da literatura infantil e xuvenil tamén é peza esencial para entender a autora o seu derradeiro traballo, Diario da luz e da sombra (2005), un sereo ensaio ao fío do cancro de mama que rematou coa súa vida. O seu traballo estendeuse, asemade, á tradución, á antoloxía poética e mesmo á edición como codirectora da colección infantil Árbore, de Galaxia.
Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e faleceu na Coruña o 8 de setembro de 2004. A súa prolífica obra, sempre impregnada dun fondo compromiso social, abrangue distintos xéneros, dende a poesía á narrativa pasando polo teatro e o ensaio.
No ano 1942 comezou en Lugo os seus estudos de bacharelato ao tempo que agromaba xa unha temperá vocación pola escrita. Alí, logo de coñecer a Uxío Novoneyra, integrouse na tertulia do Café Méndez Núñez onde compartiu inquedanzas con autores tan destacados como Pimentel, Fole, Cunqueiro, Carballo Calero, Iglesia Alvariño ou Rof Codina. Con eles entrará en contacto co galeguismo, tanto o interior como o do exilio.
Nestes anos, dará a coñecer os seus primeiros poemas na revista literaria Xistral, fundada por el mesmo en colaboración co seu amigo Manuel Antonio Sopena.
No ano 1950, publica o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, o primeiro libro en galego editado despois da Guerra Civil e co que se inaugura unha das correntes poéticas máis significativas da posguerra, a coñecida como "Escola da Tebra".
En 1956 Manuel María coñece á que será a súa compañeira e musa, Saleta Goi. A parella casa en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador ata a súa xubilación.
Na década dos 60 e 70, leva a cabo unha intensa actividade política na clandestinidade, comprometido coa defensa dos movementos nacionalistas e implicado en múltiples iniciativas de promoción e recuperación cultural (conferencias, recitados, concertos...). O activismo político levouno a ser elixido, en 1979, concelleiro de Monforte polo Bloque Nacional Popular Galego.
Na súa fecunda obra cómpre salientar poemarios como Terra Chá (1954), Mar maior (1963), Libro dos pregos (1962), Cancións do lusco ó fusco (1970), Poemas ó outono (1977), Compendio de orballos e incertezas (1991), Poemas a Compostela (1993) ou o emblemático Os soños na gaiola (1968) dirixido ao público infantil. Deixounos tamén obras narrativas coma O bigote de Mimí (2003); dramáticas: Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979) ou a Farsa de Bululú (2007); e ensaísiticas: Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética (1997) .
Esta intensa traxectoria literaria fíxoo merecedor de numerosos galardóns entre os que destacan: en 1976, o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega; o premio “Celanova, casa dos poetas”, outorgado en 1990, ou o “Pedrón de Ouro”, recibido en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro.
Manuel María, referente obrigado da literatura galega da segunda metade do século XX, revélasenos como unha figura singular non só pola riqueza creativa e temática da súa obra senón tamén polo compromiso íntimo coa súa cultura, coa súa lingua, co seu pobo.
Se queres investigar, velaí a ligazón para acceder a unha U.D. sobre o autor:
Aínda que é unha mágoa que esta composición de Manuel siga estando vixente na actualidade, cincuenta anos despois de cando foi escrita, podemos escoitala na cálida voz de Uxía (cun magnífico acompañamento musical) para conmemorar a data de nacemento do autor. O vídeo realizado por ANTONIO RECAMÁN DE 4º ESO B. Parabéns!