jueves, 26 de enero de 2017

CONCURSO MELLOR XORNALISTA XUVENIL LA VOZ DE GALICIA

BASES CONCURSO
TRABALLOS GAÑADORES CURSO 2015-2016
MAQUETA-XUVENIL (ENTREVISTA)

entrevista pode ser considerada un xénero xornalístico, aínda que algúns tratadistas clasifícana como unha variedade de reportaxe. Dáse a consideración de entrevistas ás declaracións feitas por unha persoa a instancias dun xornalista coa finalidade de ser reproducidas tal como se formulan, tras un proceso de edición.

PASOS PARA REDACTAR UNHA BOA ENTREVISTA

1. ELIXE O TEMA
O primeiro paso é decidir de que se quere falar. Que che interesa? Que lle interesa á comunidade? E aos teus lectores? Que está de actualidade? Que lle interesa á maioría? Que lle preocupa á minoría? Debemos pensar a que preguntas queremos responder.

2. FIXA OS OBXECTIVOS
Unha vez elixas o tema, debes definir exactamente que é o que buscas. Queres información e datos sobre un tema? Buscas reaccións, opinións ou testemuños persoais dunha persoa en concreto? Desexas ter unha comprensión máis profunda do entrevistado en particular?
Cando teñas claro que é o que buscades, será máis sinxelo atopar ao entrevistado e preparar o cuestionario de preguntas.

3. ESCOLLE AO ENTREVISTADO
Busca a un experto na materia elixida ou á persoa que poida achegar datos interesantes sobre o tema escollido. Quen podería ter información sobre este tema? Quen é o protagonista da historia? Quen é o afectado por un acontecemento? Debes ter en conta que, ás veces, personaxes que non se consideran relevantes poden ofrecernos interesantes perspectivas sobre un feito ou un tema concreto.

4. FAI OS DEBERES
Un bo entrevistador debe prepararse para unha entrevista de dúas formas:
1. Cunha preparación xeral: O entrevistador debe documentarse para realizar calquera traballo xornalístico e pode facelo con:
 - Lecturas de actualidade para estar ao día do que sucede no mundo ou no seu país
 - Lecturas literarias para mellorar e atopar o seu propio estilo, conseguir transmitir con palabras o que realmente quere dicir e perfeccionar a súa gramática.

2. Cunha preparación delimitada: O entrevistador deberá prepararse cada entrevista e recopilar información sobre:
 - O tema para tratar na entrevista: para saber do que se está falando, ter maior credibilidade e poder facer unha entrevista de calidade.
 - Información sobre o entrevistado: preguntando a outros sobre esta persoa, lendo sobre ela, revisando as entrevistas que concedese anteriormente para non repetir o que xa se dixo, etc.

5. PREPARA AS PREGUNTAS
Agora debes deseñar un cuestionario con preguntas crave para que che axude encamiñar o diálogo e evitar esquecementos. Este cuestionario servirache de esquema para iniciar a conversación, durante o transcurso da entrevista seguro que xurdirán espontaneamente outras preguntas moito máis interesantes. Para comezar, debes decidir como queres empezar a entrevista. A primeira pregunta será a que marque o ton, polo que podes preparar unha introdución que rompa o xeo e che permita achegarte ao entrevistado antes de entrar no foco da entrevista. Tamén debes pensar como queres terminala. Moitas entrevistas terminan cunha pregunta aberta que permiten expor ao entrevistado algo que non se lle preguntara e que se exprese libremente.
Lembra que as preguntas deben ser claras e ordenadas, formulando primeiro as máis sinxelas e deixando as máis complexas ou polémicas para a segunda metade da entrevista.

6. BUSCA O TIPO DE ENTREVISTA MÁIS ADECUADO
Cada tipo de entrevista ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. Terás que estudar e decidir cal é a mellor entrevista para a persoa á que vas entrevistar e para conseguir os teus obxectivos. 

7. DESENVOLVEMENTO DA ENTREVISTA
Xa podes contactar coa persoa que vas entrevistar e concertar unha cita para realizar a entrevista. Algúns consellos que debes ter en conta para ese día:
- Acode á entrevista vestido apropiadamente e ben arranxados.
- Colócate a un nivel de igualdade co entrevistado. Fala con el/ela como o farías con calquera outra persoa.
- Observa atentamente ao entrevistado e manifesta a túa interese polo que contesta. 
- Non condiciones as súas respostas.
- Anota as frases e palabras o máis fielmente posible. Unha gravadora pode axudar. Se optas por anotar as respostas, abrevia as declaracións debidamente.
-  Toma notas ou grava a entrevista, resultará moi útil á hora de redactala, pero coidado, non debes distraer nunca ao entrevistado coa manipulación da gravadora ou con paradas incómodas para tomar notas.
- Móstrate imparcial fronte ás formulacións e ideoloxías do entrevistado.
- Establece algún vínculo co entrevistado. O seu número de teléfono serache moi útil se necesitas máis información ou aclarar algunhas cousas sobre a entrevista.
-  Non repitas as preguntas que xa foron contestadas.
- Concedede ao entrevistado o tempo suficiente para pensar as súas respostas.

8. REDACTA A ENTREVISTA
Á hora de redactar a entrevista non é obrigatorio cinguirse á orde cronolóxica en que se formularon as respostas. Debedes deseñar un esquema de redacción, priorizando os elementos en función do seu valor.
Lembra que é moi importante cumprir coas regras gramaticales e lingüísticas. Sé claro e preciso sendo fiel ás palabras do entrevistado e non esquezas que o espazo condicionará o estilo de redacción e poderá limitar a extensión da mesma.

LEMBRA
- Dedica un tempo para escoller o tema e o obxectivo da entrevista.
- Tenta facer a entrevista cara a cara.
- Prepárate ben para poder afrontar a entrevista con seguridade, dominando o tema do que se vaia a falar.
- Acode á entrevista be vestido.
- Mostra interese polo que o entrevistado responde e non condiciones as súas respostas.
- Estrutura ben as preguntas, tentando facelas máis sinxelas primeiro e as máis complicadas ou polémicas ao final.
- Non repitades preguntas que xa foron contestadas.
- Se podes, utilizade unha gravadora ou anota as respostas o máis fielmente posible.
- Non esquezas realizar varias fotografías da entrevista para ilustrala; isto apoiará o texto e facilitará a lectura.

ALGUNHAS PAUTAS  MÁIS PARA QUE ELABORES A TÚA ENTREVISTA…

a. Sempre que sexa posible, as entrevistas prepararanse con antelación co personaxe, buscando documentación sobre el e sobre o tema do que se vai a falar. Formularanse preguntas breves e pechadas, que leven ao entrevistado a pronunciarse sobre o que se lle expón.

b. Unha característica fundamental da entrevista é a súa presentación como un diálogo do xornalista co personaxe. Transcríbense preguntas e respostas, que se abren con raia, sen sangría na primeira liña.

O texto das preguntas, incluída a raia, escríbese en negrita, e o das respostas, en redonda. Entre cada pregunta e o final da resposta anterior déixase unha liña en branco, pero evitarase que quede a principio ou a final de columna.

c. Ao transcribir a entrevista, o xornalista poderá sintetizar os diálogos ou seleccionar as partes máis interesantes, sempre que non traizoe o sentido das respostas. Débense suprimir as expresións sen contido. Son propias da linguaxe oral, pero dificultan a lectura.

d. Na transcrición, o xornalista tratará de vostede ao entrevistado, salvo que este sexa un neno.

g. O título será unha frase extraída das respostas, que se entrecomillará. Deberá ser literal, é dicir, corresponder co que aparece no texto. Admite a supresión dun inciso ou dalgunha palabra accesoria se non se altera a mensaxe, pero non se pode facer un resumo ou obter unha conclusión e entrecomillalos.


A frase do título debe ter valor informativo, de tal forma que o lector saiba de que vai o tema aínda que ata ler o antetítulo non coñeza quen se pronuncia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario